Saltar ao contido

Cunqueiro, o xornalista mago

13/12/2011

Cunqueiro chegou ao xornalismo para o mesmo que Xesús á terra: para redimirnos. Para redimirnos a nós, pobres xornalistas, sufrindo o que nós sufrimos. E se Xesús puido ser home porque era Deus, Cunqueiro soportou ser xornalista porque era mago, como o propio Merlín ben podería testemuñar.

Era tan mago Cunqueiro, tan xornalista, que con oito anos xa facía feitizos coas noticias que lles lía aos clientes da barbería do Pallarego e, á letra impresa, engadíalle el da súa propia colleita os detalles que sabía lles ían gustar aos parroquianos. De ler as noticias de outros en Mondoñedo pasou a escribir as súas propias en Lugo, onde non podía debutar cun accidente de circulación ou co asfaltado dunha rúa, como tantos de nós. Cunqueiro estaba xa máis alá da terra, do mar e das nubes e o primeiro que contou como reporteiro para o xornal do instituto foi nada menos que un eclipse, nunha época na que a redacción «de vivos» a formaban el e Ánxel Fole e a «de mortos, Platón, Dante e Cervantes», segundo o propio Cunqueiro recordaba.

E se traballar así era maxia máis o foi dirixir durante cinco anos «Faro de Vigo» mentres proclamaba a incompatibilidade entre o xornalismo e a literatura, como tantos de nós, por outra banda, proclamamos tantas veces a incompatibilidade do xornalismo coa propia vida, é dicir, cos amigos, coas ceas, coas parellas, cos fillos… «Os anos que estiven dirixindo Faro de Vigo -lamentaba Cunqueiro- foron para min, como escritor, anos perdidos. Eu escribía todos os días un artigo, pero neses anos non escribín un só libro».

Mais os trasnos sicilianos, as pulgas húngaras e os imperios secretos que non chegaron ao prelo, atoparon acubillo eses anos no xirar da rotativa, que facía a Cunqueiro laiarse, si, a causa das noites estériles, pero tamén apaixonarse por ese baile na corda frouxa que foi sempre pechar o periódico do día. «A min o xornalismo gustoume sempre moito e ségueme gustando -contoulle nunha entrevista a Perfecto Conde- Gustáronme moito as horas de improvisación, a rapidez do traballo, o comentario do día, esa présa, esa sensación de présa xornalística que eu mesmo teño respecto a min mesmo. Eu estou sempre un pouco inquedo, desexando rematar o que estou a facer e marchar».

A présa xornalística de Cunqueiro non podía ser, porén, como a do resto dos seus colegas que foron, somos e serán. A présa de Cunqueiro era máxica, coma el, e en lugar das primicias prefería as noticias atrasadas. «¿Que prensa faría eu? -preguntábase nos seus últimos anos- Probablemente daría as noticias con seis meses de atraso». E o que podería parecer cousa do mundo ao revés, era en verdade ollo visionario, porque o que profetizaba Cunqueiro entón é o maremoto informativo que hoxe nos afoga. «A instantaneidade das comunicacións (…) constitúe un conxunto informativo sen dúbida superior ao que pode soportar a alma humana», dicía o xornalista, quen alertaba da «desinformación» e a a «insensibilidade» que acababa provocando. E despois o mago apostilaba: «A instantaneidade é demoniaca; o demo non é ubicuo, que é instantáneo».

Quizais esa mesma prevención contra o instantáneo foi a que lle fixo desexar unha morte lenta e consciente: «Se a algo lle teño medo é a unha morte súbita. Prefiro unha longa enfermidade». Porque o escritor, o mago, foi tamén ata o último momento xornalista e o que quería, no fondo, era o mesmo que queremos nós: saber. «Morrer sen poder decir adeus é algo tremendo. Morrer sen cambiar unhas palabras cos deudos, sen saber o que trouxo o periódico ese día…».

Advertisement
3 Comentarios leave one →
  1. carolinalaya permalink
    13/12/2011 6:02 pm

    Que grande personaxe o señor Cunqueiro!

    Moi bo artigo!

    http://carolinalaya.wordpress.com/

  2. 26/12/2011 8:29 am

    Mas o tempo e a história exigem de nós o desejo de apostar naquilo que necessário mesmo que agora nos pare a imposs vel.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair /  Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair /  Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair /  Cambiar )

Conectando a %s

A %d blogueros les gusta esto: